Saturday 27 de April de 2024

Neda celebra durante os próximos catro días as súas festas patronais con música, atraccións e deporte


O Concello colabora coa comisión nos festexos, que arrancan mañá xoves, festivo local, no adro da igrexa de Santa María

Neda celebrará durante os próximos catro días as súas festas patronais na honra de Santa María cunha programación que inclúe música, atraccións de feira e deporte. Recuperará así uns ansiados festexos interrompidos pola covid en 2020 e limitados en canto a actividades en 2021.

Arrancarán mañá xoves, festivo local, no adro da igrexa de Santa María. A partir das 12:30 horas, oficiarase a misa solemne con procesión posterior, e ó remate, iniciarase a sesión vermú coa orquestra Alabama, que regresará á noite para compartir escenario na verbena co Dúo Estrelas. O venres 9 de setembro repetirase o guion, e trala misa e procesión haberá sesión vermú co grupo Fama. Tamén pola noite amenizará a festa xunto ó Dúo Delux.

Así mesmo, o sábado 10 de setembro, a festa arrancará ás 14:00 horas coa sesión vermú e a actuación do Trío Karma, tamén presente pola noite na verbena co Dúo CQC. E xa o domingo 11 de setembro, como é tradición, as festas outorgan todo o protagonismo aos máis pequenos e pequenas da casa co Día do Neno. Así, poderán pasalo en grande a partir das 17:00 horas nas atraccións instaladas no adro da igrexa de Santa María a prezos populares. Nesta mesma xornada, a partir das 17:15 horas, o campo municipal Juanito González acollerá o triangular Trofeo Concello de Neda, organizado polo clube local coa colaboración do Concello. Un torneo no que tomarán parte os equipos do Perlío e da Capela, xunto ós anfitrións, a SD Rápido de Neda.

Ademais, Pirotecnia Millarengo volverá a patrocinar as festas locais e ofrecer un fermoso espectáculo de luz e cor sobre o ceo de Neda.

Dende o Concello, que colabora coa comisión nos festexos, anímase á cidadanía a desfrutar destas festas con gran tirón na comarca.